Saturday 04 de May de 2024

A Xunta aposta polo Camiño de inverno con máis de 1,7M€ destinados á sinalización desta ruta


― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comprobaron hoxe as actuacións levadas a cabo ao seu paso polo concello de Rodeiro

― O remate das obras neste itinerario permite concluír as actuacións previstas no Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021 no que a Xunta investiu máis de 67M€

― O Camiño de Inverno contará a finais de ano cun novo albergue público trala rehabilitación do Pazo de Diomondi no que o Goberno galego investiu máis de 1M€

― Alfonso Rueda destacou o compromiso da Xunta por acondicionar as rutas xacobeas e dotalas de infraestruturas adecuadas para acoller aos peregrinos e ofrecerlles a mellor imaxe de Galicia neste Xacobeo 21-22

― A Xunta prevé rematar o ano con 140.000 peregrinos e seguir a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro para atraer máis visitantes neste Ano Santo Dobre

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, comprobaron hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, os traballos de acondicionamento e sinalización levados a cabo en varios treitos do Camiño de Inverno ao seu paso polo concello de Rodeiro.

As actuacións forman parte do proxecto da Xunta destinado á sinalización deste trazado cun investimento de 1,7 millóns de euros en 190 quilómetros en 14 concellos. En concreto, xunto con Rodeiro, onde se investiron máis de 110.000 euros, tamén se realizaron melloras en Lalín e noutros 7 municipios da provincia de Lugo -Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Monforte, Pantón, O Saviñao e Chantada- e outros 5 na de Ourense -Rubiá, Ribas de Sil, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Vilamartín de Valdeorras-.

Os traballos realizados inclúen a reparación e instalación de mouteiras, así como a colocación de cunhas de cerámica e bronce, paneis informativos e outros elementos de sinalización, así como melloras no trazado para manter a homoxeneidade en tódalas rutas. As obras xa finalizadas neste itinerario supoñen o remate dos proxectos incluídos no Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021, ao que a Xunta dedicou máis de 67 millóns de euros. O Goberno galego xa licitou o segundo Plan Director que marcará a folla de ruta ata o próximo Ano Santo de 2027 e sentará as bases desta Década Xacobea.

O Camiño de Inverno, declarado ruta oficial de peregrinación en 2016, destaca por pasar polas 4 provincias galegas e atravesar comarcas como Valdeorras, Ribeira Sacra ou Deza. Por iso, Alfonso Rueda resaltou o seu potencial e destacou a previsión de rematar este 2021 por riba dos 140.000 entre os que cheguen a través de tódalas rutas xacobeas. No que vai de ano xa selaron a súa Compostela máis de 94.000 persoas, cunha media de máis de 1.400 ao día, tendo en conta que hai moitos máis peregrinos que fan o Camiño sen obter a credencial.

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén lembrou que o Camiño de Inverno terá a finais de ano un novo albergue, unha vez rematadas as obras de reforma da antiga residencia bispal de Diomondi de O Saviñao. O Goberno galego investiu máis de 1 millón de euros na rehabilitación integral deste edificio para contar cun inmoble de 34 prazas para a acollida dos peregrinos. Ademais, con esta obra recuperase un edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural (BIC). A infraestrutura sumarase á rede pública de albergues que ao longo deste Xacobeo 21-22 pasará a sumar un total de 78.

A Xunta aposta por seguir a reforzar a mensaxe de Galicia como destino seguro cun Camiño seguro para acoller a turistas e peregrinos neste Ano Santo Dobre. Alfonso Rueda indicou que esa aposta do Goberno galego por ofrecer un destino seguro e de calidade cun turismo tranquilo en espazos abertos en contacto coa natureza foi precisamente o que permitiu pechar o mes de xullo cun 80% máis de visitantes que en 2020 e 20 puntos por riba da media nacional respecto a 2019. Por iso, confía en continuar a manter esa tendencia en agosto e no que queda de Xacobeo co obxectivo de que acade todo o seu esplendor en 2022 coa reactivación do turismo internacional.